O Encontro Mundial das Familias 2018 (II)

“Se a misión da Igrexa é converterse nunha familia, á inversa, a misión da familia é converterse máis e máis na Igrexa”. Estas verbas do Cardeal-Arcebispo de Bombay, Mons. Oswald Gracias, na homilía do mércores á tarde, aínda resoan nos nosos corazóns como unha verdade certa e aínda por descubrir no día a día.
O mércores foi un día de primeiro contacto para nós. Todo era novo e coa dificultade engadida de ser noutro idioma. Chegamos á Eucaristía da tarde, onde puidemos atopar a amigos e irmáns sacerdotes xunto con moitas familias doutras dioceses españolas. Ao final do día asistimos a una conferencia titulada: “Por que casar na Igrexa?”, onde diversos relatores explicaron a súa vivencia personal e o acompañamento que se establece para que eles descubrisen o valor e importancia da graza sacramental. Quizáis o que máis nos impactou foi J. Granados, sacerdote e vicepresidente do Instituto Xoan Paulo II para a familia en Roma, que afirmou a importancia de descubrir un lugar onde o amor poida medrar, un lugar onde poder sentirse acollido e acompañado: a Igrexa.
O xoves paseamos pola exposición dos distintos stands nos cales as asociacións e movementos mostran como é a súa misión e labor na pastoral familiar. Tamén colaboramos confesando. Á tarde, ademais dunha breve visita por Dublín, asistimos a un concerto dun grupo folk-rock chamado Rend Collective, cuxo espazo musical nos axudaba tamén a orar. Rematamos a xornada asistindo a unha mesa redonda sobre como afrontar o sufrimento e as crises matrimoniais.
Dende logo, estes son días de graza, de encontro e de ledicia pola fe que vivimos na comuñón da Igrexa. A nosa mirada cara ao matrimonio, a todo o que significa e ao que se enfronta, ten un desexo de renovar a súa presentación, de ensina-lo como un camiño de soños e ilusións que é a alianza matrimonial xunto cunha mirada real e veraz sobre todo o que implica e o sufrimento que nel existe. Para a Igrexa en Irlanda é unha ocasión para renovar o seu compromiso co Señor Xesús e para redescubrir a centralidade da familia na vida eclesial; e para tódolos que participamos neste Encontro é unha ocasión para ilusionarnos de novo na pastoral familiar e atopar novos métodos ou camiños para presentar a beleza da alianza entre home e muller.
Nicolás Susena
Sacerdote de Lugo

Comentarios

Entradas populares